Enfocando

September 22, 2017

Hoxe puxen á venda unha cámara de fotos que conseguira comprar hai uns meses, despois de estala desexando durante anos. É un cacharro marabilloso, de seguro a mellor cámara dixital que tiven nunca.

Está de moda ser multitarea. Pero a mín nunca me funcionou. Creo que o ser humano está programado para facer as cousas unha a unha, un problema de cada vez.

Gústanme demasiadas cousas. Pero cada vez máis, noto que debo priorizar o máis importante, para poder chegar a algún sitio. Priorizar non é a palabra. A palabra que me sae é apagar. Vou apagar por unha temporada a miña afición pola fotografía. Que viña arrastrando dende a época da carreira, quería chegar a ser un bo fotógrafo. Admiraba (e admiro) a Gervasio Sánchez, a James Natchwey. Pero hai tempo que decidín que ía tentar poñer o meu esforzo, o traballo da miña vida, na educación e na creación de alternativas, non na denuncia. Inda así, é duro recoñecerme a mín mesmo que non vou ser o próximo Sebastiao Salgado. Por iso vendo a cámara.

Por iso e polas pelas, claro.

Tamén vou apagar temporalmente as miñas aptitudes para o deseño e a caligrafía. Cando remate un pequeno encargo para N., a semana que vén. Gústame practicar caligrafía, pero agora mesmo non podo vivir dela. Como excepción, quizais en Outubro me apunte a un curso en Ourense, porque non é doado contar cun profesional de prestixio como profesor na nosa pequena cidade.

Nos próximos meses voume enfocar en dar clases de esgrima. E en axudarlle a E. a sacar unha tenda online e un blog. E en escribir. Punto pelota.