O Dussack: unha curiosa arma de madeira

August 12, 2017

Hai un par de artigos comentei, así de pasada, que practico artes marciais, en concreto HEMA, que veñen sendo as siglas en inglés das Artes Marciais Históricas Europeas. Para abreviar, as máis das veces chamámoslle esgrima antiga, anque isto é unha simplificación, pois as HEMA non se limitan só á esgrima.

Un dos aspectos máis particulares das Artes Marciais Europeas é que as fontes de coñecemento non se transmitiron oralmente ata hoxe, senon que se truncaron, deixaron de existir durante unha época. Por sorte, quedaron rexistradas en ducias de manuais, ben en códices manuscritos ou en libros impresos.

Por iso, as HEMA teñen un factor de investigación e “buceo” nas fontes que non teñen outras disciplinas. Están en plena fase de expansión. E grazas á Internet, que funciona como unha academia virtual, os esforzos de cada persoa que investiga un tema en concreto engádense a un corpus de sabedoría común, que se amplía e reverte en toda a comunidade esgrimista. Internet como Academia: probablemente o mellor dos usos que se pode facer da Rede. Outro día podemos falar diso.

Como exemplo práctico, na nosa asociación practicamos principalmente a espada roupeira (semellante á dos mosqueteiros, para facernos unha imaxe), e tamén lle damos algo á espada longa da baixa idade media. Pero últimamente chamáronme a atención as posibilidades que ofrece, para iniciarse nas HEMA, unha arma pouco investigada no noso entorno: o dussack. Así que me puxen a documentarme nos lugares habituais sobre ela.

¿E qué é un Dussack? Así rápido e mal, é o avó de todos os sabres. Era un coitelo longo e un tanto curvado, cunha garda lixeiramente sofisticada que protexía a man, e que se usou en zonas de Europa central e do norte aló polos séculos XVI e XVII.

Para entendernos, isto é un dussack:

Dussack de aceiro

Pero o interesante do asunto é que, por extensión, dussack tamén se lle chama á arma de madeira que servía para practicar as técnicas que despois se usarían co dussack de aceiro. Por aquilo de non raxar ao teu compañeiro de ‘sparring’.

Para entendernos, isto tamén é un dussack:

Dussack de madeira

Ese cacharro de madeira é o que me interesa. Matinei que o dussack pode ser unha boa arma de iniciación e práctica. Vexamos algunhas ventaxas:

  • É doado de fabricar, accesible a calquera, o que diminúe o custo inicial para a xente que empeza. As armas de aceiro non son precisamente baratas.
  • Hai un bo punto de entrada nas obras de Joachim Meyer, probablemente o autor clásico máis coñecido e investigado no mundo das HEMA.
  • Os movementos do corpo e da espada son extrapolables a outras armas. Meyer mesmo dí que a espada longa che dá as bases para manexar o dussack, e este serve de mestre para a roupeira.
  • Ademais, a postura do dussack require máis axilidade de movementos, e isto pode ser unha cousa moi boa de cara a acadar unha maior movilidade, especialmente nos xeonllos e na cintura/cadeiras. Que vén ben incluso para outras escolas onde o corpo está máis ergueito e non se aconsellan posturas forzadas, como a Destreza que practicamos coa roupeira.
  • Inda así, as posturas tratan de manter certa fluideza e armonía, polo que, á velocidade adecuada a cada persoa, non debería supoñer un problema a forma física. De feito, pode ser interesante desenvolver un sistema baseado nesas posturas para adecuar o corpo aos movementos da esgrima e evitar lesións posteriores.
  • Asimesmo, ao ser un instrumento curto e lixeiro, tamén pode funcionar para axudar á xente que se está a recuperar de lesións e distensións.
  • Unha conscuencia dese tamaño curto e de que a postura do corpo é relativamente baixa é que é unha arma boa para practicar na casa, baixo teito. Calquera que teña tentado manexar unha espada longa no salón do seu piso pode dar fe disto.
  • Finalmente, o dussack de madeira non só serve para aprender técnicas para o dussack de aceiro. Con máis ou menos limitacións, pódese usar para practicar case que todas as armas dunha man, coma o messer (coitelo longo medieval), a roupeira (sobre todo a escola italiana máis temperá), a espada de unha man, ou mesmo o sabre.

Nestes momentos estou a ler e aprender do tratado de dussack de Meyer, traducido do alemán ao inglés, e das interpretacións que foron facendo noutras salas de esgrima polo mundo adiante.

Irei poñendo aquí as cousas interesantes que vaia atopando. Unha cousa que boto en falta nas canles de difusión que existen das artes marciais europeas é o punto de vista dun alumno, ou alumna, de alguén que estea empezando no tema. Habelos, hainos, pero polo xeral, somos a maioría calada. Parece que se non somos expertos nos dá medo falar, non vaia ser que nos boten porriba os gurús… Eu vou tentar dar esa visión, dende a curiosidade e dende a paixón, xa que non dende a sabedoría absoluta. A ver que sae.

Por outra parte, con ferramentas básicas fixen un dussack de práctica. Ou máis ben saíronme tres. Así que o seguinte post da nova categoría “HEMA” vai ser un Do it Yourself ;)


PS: Xa que chegaches ata aquí, un premio. Un pequeno ensaio -en inglés- sobre a historia e morfoloxía do Dussack, por se che interesa o tema:

The Dussack - a weapon of war