Unha arma por un Euro: o Dussack de contrachapado

August 15, 2017

O primeiro que hai que dicir deste proxecto é que o dussack que propoño construir non está pensado para realizar asaltos, isto é, non é adecuado para un combate a velocidade e forza reais. Para iso, mellor construilo dunha madeira dura, ou dalgún material sintético. Porén, o meu deseño de dussack céntrase na facilidade de construcción a baixo custe, e é ideal para practicar as formas e pasos, e para facer técnicas por parellas cunha intensidade moderada.

Cando nos iniciamos nas HEMA, unha das cousas que máis nos motivan é poder dispoñer das nosas propias armas. Pero para a maioría de nós, o prezo de armas boas de aceiro é un problema. Tarde ou cedo, rematamos por comprar a primeira espada, pero con tantas tradicións e escolas por explorar, mercar todas as armas que desexamos sería unha ruina. Cómpre, pois, explorar outras alternativas.

Hai uns meses, nunha visita á sala irmá de Compostela, tiven ocasión de examinar as súas espadas de unha man de práctica, feitas de madeira contrachapada, e parecéronme moi xeitosas, e suficientemente sólidas. Quizais a madeira -en tableiros ou contrachapada- sexa moi inferior ao aceiro en armas onde o control da folla do contrario sexa vital, pero cando empecei a pensar en facer un Dussack, antoxóuseme o material ideal.

As vantaxes do contrachapado con respecto á madeira son a facilidade de traballalo e o prezo, e, dependendo da madeira, a resistencia á rotura. Pola contra, o contrachapado é menos resistente a pequenos golpes que deforman e astillan o borde.

Preguntando pola miña cidade, atopei un aserradoiro que vendía contrachapado fenólico. Esta é unha variedade máis resistente que o normal, o que nos interesa para unha arma que vai levar golpes ocasionais. O ideal sería o de “grao mariño”, porque está feito de forma que non queden ocos dentro do material. É máis caro, claro. Pero eu non puiden atopar dése, así que me conformei coa oferta local.

No aserradoiro había contrachapado de abedul e de okume. O de abedul é máis resistente, pero neste caso non tiñan recortes pequenos, e unha prancha de dous cincuenta por un metro era demasiado, así que me conformei co de okume. O ancho, un centímetro e medio. Probablemente se tivese elexido o de abedul, sería dabondo cun centímetro.

Por tres euros merquei un recorte xeitoso do que me sairon tres dussacks. O resto de ferramentas e materiais tíñaos xa na casa, así que podemos dicir que cada dussack me custou un euro :)

O deseño

Como estamos a falar dunha arma da que non nos chegaron exemplares, teremos que sacar o deseño dos manuscritos históricos nos que aparecen debuxados. Tamén podemos inspirarnos na Internet, nos exemplares modernos que teñen feito artesáns e fabricantes.

Xa que o facemos para nós, ben podemos usar unha medida personalizada. O meu primeiro dussack fíxeno coa medida estandar do que fabrica SPES, isto é, 60cm de folla. Fáiseme un pouco longo. A medida ideal é a do brazo, dende o sobaco ata o pulso. Mesmo un par de centímetros menos, para compensar a funda de coiro que lle imos facer despois.

A empuñadura depende da túa man e do guante que vaias usar, no meu caso, uns 16 cm. O oco mide no seu lado máximo 6cm de alto e 12 de ancho, co que caben os meus guantes normais, e mesmo uns de lacrosse que temos na sala, estes sen moita posibilidade de movemento.

O meu deseño é unha interpretación do Dussack de Meyer, curvado, coa folla máis ancha no último tercio, para desprazar o centro de gravidade máis cara a ela. Tamén engade unha protección para o polgar, e nun futuro podería engadir unha no lateral para a man, de momento non me pareceu vital, xa que non vou facer asalto con el.

Un detalle interesante para mín, é que, a pesar de todas as curvas e reviravoltas, o puño está na mesma liña que a punta do dussack. Creo que o fai máis cómodo de soster e usar.

O ideal é que te poñas nunha mesa con reglas rectas e curvadas e unha tira de papel (eu uso o rolo de dibuxo para nenos do Ikea, é xenial para bocetos, pero podes usar papel de forno, ou unir tres ou catro folios con cinta adhesiva). Non é “rocket science” que dirían os ianquis, así que sé creativ@ e fai un deseño que che guste a tí.

Deseñando un dussack

Unha vez que o teñas, recorta e pasa o deseño á prancha de contrachapado para empezar a seguinte fase.

A fabricación

O seu é ter un banco de traballo e unha serra de calar. E un taladro para facer un buraco para cortar a parte interior da empuñadura. Eu non tiña banco na miña pequena terraza, así que apañei cun par de palets no chan, o que non é dende logo unha postura cómoda, pero valeume para sair do paso.

Tras pasar a serra polo exterior da marca, quedoume algo tal que así:

Recortando o contrachapado

Despois toca repasar todo con papel de lixa, en especial os bordes para que queden redondeados, e todo suave ao tacto.

Unha vez que temos feita esta parte, decidín experimentar un pouco con nogalina, que ven sendo un tinte a base da pel das noces. O acabado é espectacular. O truco está en aplicar cunha esponxa, volver pasar a lixa entre capa e capa, e darlle polo menos tres capas. O principal problema é que deste xeito a nogalina non penetra profundamente, e despois dun golpe forte, pode verse por debaixo o contrachapado claro.

Para a próxima, teño pensado comezar por sumerxer o contrachapado na nogalina para que penetre ben, e como medida preventiva contra os golpes máis fortes, non prestarlle nunca o dussack a nenos para que xoguen con el.

Como último toque, paseille un bloque de cera das miñas colmeas por todos os bordes, e despois fregueinos cun pano de algodón para que a cera penetrase polos poros e ocos que quedaban. Iso daralle un punto máis de resistencia aos golpes.

A funda de coiro

Os dussacks antigos eran de madeira, coiro, ou madeira forrada de coiro. No caso do contrachapado, o coiro ofrece unha capa de protección a maiores, e ademais, suaviza os golpes que se dean no corpo co propio dussack.

O que faremos será trazar o perfil do dussack nun papel, e modificalo de forma que a parte máis ancha da folla se poida meter e sacar sen problemas da funda de coiro. Despois hai que darlle un par de centímetros a maiores ao deseño, en todos os bordes menos na boca da funda para compensar polo ancho do dussack e as marxes de costura.

No meu deseño deixeille unha língua de coiro para cruzala por dentro da empuñadura e pechalo cun snap, pero teño visto outros modelos con peches de corda, o que require menos ferramentas.

Logo diso, queda coser, no meu caso con fío encerado e costura dobre de zapateiro. Un “pony” para coser coiro é ideal, eu fixen un hai algúns anos cun par de madeiras vellas que tiña por casa.

Costura da funda

E xa está. Un pequeno truco para protexer e darlle brillo o coiro é aplicarlle un pouco de cera para mobles, que se pode atopar nas tendas de manualidades.

A idea é utilizalo dentro da funda cada vez que haxa que cruzalo con outro, para protexelo, e fóra dela para practicar de forma individual.

Agora mesmo non teño o meu dussack comigo para facerlle a ‘foto finish’, actualizarei o post con ela en canto poida ;)