Pasiño a pasiño, pase, paseniño

June 15, 2017

Onte queimaba o sol e hoxe trona e chove na aldea. O plan que tiña de cortar unhas mimosas que molestaban no colmear foise ao tacho, así que aproveito para escribir.

Botándolle un ollo ao blog doume de conta que inda quedan un montón de cousas por pulir. Nótase como a medias. Por non ter, non ten nin un sistema que permita os comentarios, anque iso agora mesmo me importa pouco, pois de momento non o lé ninguén. As cores e a tipografía tampouco me emocionan, a páxina de entrada parece medio baleira, o portfolio é un simple enlace a unha páxina externa e inda non estou contento co estilo da escritura.

Noutrora todos eses defectos teríanme paralizado. Tería usado o meu tempo e as miñas enerxías para deixar a web requintada, toda bonitiña. E despois tería quedado sen folgos para escribir. Acabaría cun precioso contedor, sen contido ningún. Seino por que me pasou. Máis dunha vez.

Onte estiven buscando citas para caligrafiarlle algo bonito a unha amiga polo seu cumpreanos. Entre as citas que teño suliñadas virtualmente no meu libro electrónico, atopei unha moi adecuada ao caso, do libro Rework:

The perfect time never arrives. You’re always too young or old or busy or broke or something else.

Traducido así rápido e mal: O tempo perfecto non chega nunca. Vas ser sempre demasiado novo ou demasiado vello ou ter moito choio ou estar arruinado ou calquera outra leria.

Ao final caligrafieille unha frase de Tolkien.

Pero esa cita resume perfectamente a miña tendencia a esperar polo momento oportuno. Que non vai chegar.

Os hackers do software libre teñen unha máxima: “Release early, release often”. Saca o teu produto cedo, e saca melloras a miúdo. Fai o que teñas que facer mentres dura a paixón do artesán, antes de que as dúbidas e a malvada ‘voz da razón’ te boten para atrás. Faino cedo, porque daquela xa será tarde para acovardarse, e o único que che vai quedar e ir pulindo detalles, mellorando, perfeccionando.

Este verán, se non hai atrasos inoportunos, vai ser de probas para varias ‘early releases’ de cara ao outono. Vai ser unha época de botarse á piscina, neste blog e na vida, que espero irche contando en detalle. Ímonos lendo!

PS: Por certo, o título fai referencia e esa melodía que vou ter pegada un día sí, e outro tamén, todo este verán. Falo, claro, do ‘Amodiño’ de De Vacas ;)