Xirasois e papel hixiénico

May 16, 2017

Esta semana foi de pouca actividade na nosa pequena horta urbana. Básicamente eliminar pulgóns a man (están sobre todo nas tomateiras), e recoller leitugas e máis leitugas para a ensalada.

Esta mañá fun pola tenda de suministros agrícolas do barrio, e o rapaz que atende contoume que ten unha especie de tomateira especial para espazos reducidos, que non medra moito e nin sequera precisa poñerlle un pao para tutorizala. Quédome co apunte para o ano que vén, que este temos máis tomates xerminados que espacio onde plantalos.

Pero volvendo ao tema, o domingo transplantamos xirasois. Hai unhas semanas colocamos unhas poucas pipas en terra nuns rolos de cartón, dos que quedan do papel hixiénico. O truco é usar rolos compostables, maiormente dos que poñen “compostable” ou dos que son de cartón… de cor cartón. Desconfío por principio dos que son brancos por dentro. A grande ventaxa é que despois se poden sementar, cartón e todo, no sitio definitivo, aforrando o trauma do transplante. A idea vina nun libro inglés, Self Sufficiency for the 21st Century, ao que por certo, merece a pena botarlle un vistazo.

As sementes xa estaban algo secas e pachuchiñas, e a verdade, non contaba con que saisen máis que unha ou dúas plantiñas das 15 pipas que puxemos na terra, pero sorprendentemente agromaron seis. Catro puxémolas en tiestos grandes, duns 10 litros de capacidade, e outras dúas levaráas a nai de E.

Cando as transplantabamos levamos a desagradable sorpresa de que tiñan baixo as follas un bo rabaño de pulgóns verdes, máis grandes e prexudiciais (e máis espabilados, todo hai que dicilo) que os seus primos negros das tomateiras. Tivemos que rociar as plantiñas cun insecticida ecolóxico que nos recomendaron na tenda de antes.

E alí quedaron, medrando, medrando… Con algo de sorte resistirán a calor ourensá, que parece que xa quere vir en serio, e dentro duns meses poderemos ensinalos cando xa sexan grandiños, e saquen a flor ;)

foto dos xirasois medrando