Aprendo cousas novas. O saúdo ao sol en Ioga

May 10, 2017

Hoxe aprendín a facer a miña primeira postura de ioga. Seica se lles chaman “asanas”, non estou seguro do seu significado exacto.

Hai dous días, N. quedou a durmir na miña casa, e falamos de ir ás termas de Outariz pola mañá. Entre os moitos asuntos que parolamos, un compromiso: quedamos en facer un intercambio de coñecementos. Eu vou ensinar a revelar fotos e ela algo de ioga.

Pola mañá deixamos o coche no aparcadoiro e cruzamos a ponte que leva ás termas. Baixamos entre os penedos ao río, ata encontrar unhas pedras razoablemente grandes e planas para a primeira lección.

Entre as primeiras luces suaves do día, adicámoslle os primeiros minutos a respirar. Primeiro a ser conscientes da nosa respiración (problemática no meu caso por un resfriado inda non curado), e despois a tratar de encher os pulmóns de todo, comezando polo abdome, despois o peito, de abaixo arriba.

Non me sae ben de todo, pero a cambio, qué facilidade apagar o runrún da mente naquel lugar, coa soa compaña do río e dos paxaros.

Despois aprendín a facer o saúdo ao sol, que é unha combinación de movementos de todo o corpo, e que funciona especialmente ben para activarse un pola mañá.

E falamos. Interésame moito certos aspectos do ioga que se semellan moitísimo ás cousas que vou aprendendo das artes marciais europeas. Por exemplo, existe unha asana, chamada do guerreiro, que é clavadiña a un fondo da destreza española, tal como os ensina o marqués de Rada.

Como dí un compañeiro, o corpo é só un, é normal que distintas tradicións cheguen aos mesmos movementos debido aos límites biomecánicos. ¿Ou habería máis contacto entre as civilizacións do que imaxinamos, aprendendo uns doutros polos longos camiños das grandes rutas antigas?

A miña teima actual no mundo da esgrima histórica é acadar movementos precisos e equilibrados, evitar posturas forzadas e outros vicios que leven a lesións a longo prazo. O meu obxectivo é usar as artes marciais europeas para coidar a postura e a espalda en particular, e gañar consciencia do noso corpo e os seus movementos e as súas posibilidades. E a posibilidade de aprender o que teñen logrado nese aspecto as distintas tradicións orientais é unha axuda e un atallo inmensos para logralo.