Historia dunha horta

May 10, 2017

Érgome pola mañá, abro a fiestra e dirixo os guisantes para que enganchen ben polos fíos do seu tipi de bambú. Pasmo un pouco para os tomates e as leitugas, mido mentalmente os milímetros que medraron as xudías dende onte. Despois vou almorzar.

Temos unha pequena horta victoriana na terraza do estudio. Algunhas das prantas medran en macetas, pero a maioría están sementadas en contedores de poliespán, brancos, conseguidos de balde na sección de froita e verdura do súper. A terra ven do composteiro grande da casa de meus pais, misturada con algún que outro saco de sustrato mercado en calquera tenda de a euro.

As máis das prantas saíron de sementes que prantamos nun balcón ao sur, reusando pequenos envases de iogur, bandexas de croissants e mesmo os cartóns que quedan do papel hixiénico. Outras mercámolas na praza de abastos. E mesmo hainas que conseguimos de trapicheos coas nosas nais.

Temos unha pequena horta victoriana. Non é moita cousa, pero énchenos de orgullo ser quen de medrar a nosa propia comida. E xa de primeiras, non damos feito a comer das cinco ou seis variedades de leitugas que están en plena producción.

Temos unha pequena horta. Heivos contar máis cousas dela.